SOMOS DE BARRIO
COHEMPO impulsa a campaña «Somos de Barrio» para dinamizar o comercio local das Pontes
A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO) poñerá en marcha, do 19 ao 29 de outubro, a campaña «Somos de Barrio», unha iniciativa destinada a promover as compras no comercio de proximidade e a poñer en valor o papel dos barrios comerciais do núcleo urbano das Pontes como espazos de convivencia, identidade e actividade económica.
Durante o período da campaña, as persoas que realicen as súas compras nos establecementos asociados a COHEMPO poderán participar no sorteo de 100 bolsas e 50 camisetas de edición limitada coa imaxe de «Somos de Barrio».
A participación poderá realizarse por dúas vías: cubrindo os datos persoais —nome, apelidos e teléfono de contacto— nos tíckets de compra dos establecementos asociados, ou a través da APP de COHEMPO, subindo unha fotografía do tícket de compra.
Con esta iniciativa, a asociación busca recoñecer a importancia dos barrios comerciais que forman e formaron parte da historia das Pontes, onde os comercios, a hostalaría e as empresas de servizos contribúen a dinamizar a actividade diaria e a manter vivos os diferentes espazos do núcleo urbano.
A campaña pretende reforzar o sentimento de pertenza e a identidade local, ao tempo que reivindica o comercio de proximidade como un elemento fundamental da vida cotiá, non só pola súa contribución á economía do municipio, senón tamén polo seu papel como espazo de confianza, relación e servizo á cidadanía.
Como parte da iniciativa, COHEMPO publicará tamén un vídeo promocional, que se difundirá a través das súas redes sociais, dedicado a destacar as vantaxes de mercar nos establecementos dos barrios, poñendo o foco no papel que desempeñan os negocios locais á hora de dar vida á vila e humanizando así o tecido comercial.
Así mesmo, as bolsas e camisetas de edición limitada servirán como elementos de difusión da campaña e símbolos de identidade, contribuíndo a dar visibilidade ao comercio local.
A campaña conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Comercio Galego e o Concello das Pontes.




