COMERCIO NA RÚA

COMERCIO NA RÚA REGRESA DO 1 AO 4 DE XULLO CON 18 ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES, SORTEOS E AGASALLOS PARA A CLIENTELA

COHEMPO pon en marcha unha nova edición desta campaña, coincidindo co inicio das rebaixas de verán, co obxectivo de dinamizar as compras e fomentar o consumo no comercio local das Pontes.

A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO) organiza, do 1 ao 4 de xullo, unha nova edición da campaña «Comercio na Rúa», unha iniciativa que coincide co inicio das rebaixas de verán e que busca incentivar as compras nos establecementos de proximidade, dinamizar a actividade comercial e ofrecer unha experiencia de compra diferente á veciñanza e ás persoas visitantes.

Durante os días mércores 1, xoves 2 e venres 3 de xullo, os comercios participantes desenvolverán a súa actividade no horario habitual de mañá e tarde, mentres que o sábado 4 de xullo a campaña celebrarase en horario de mañá.

Como en edicións anteriores, os establecementos participantes decorarán as súas entradas con flores e moqueta, creando un ambiente especial nas rúas comerciais da localidade e convidando á clientela a gozar das compras ao aire libre.

Sorteo de 20 prazas para unha clase de Barré

Unha das principais novidades desta edición será o sorteo de 20 prazas para participar nunha clase de Barré ao aire libre, impartida por Mart Studio, que terá lugar o martes 14 de xullo.

Das 20 prazas dispoñibles, 15 sortearanse a través das papeletas entregadas nos establecementos participantes, mentres que as 5 restantes se adxudicarán entre os clientes que rexistren os seus tíckets de compra na APP de COHEMPO.

Con esta proposta, a asociación busca complementar a actividade comercial con experiencias diferentes, fomentando a participación das persoas consumidoras e a súa vinculación co comercio local.

Regresa o merchandising #orgullopontés con novas incorporacións

Tras a boa acollida da pasada edición, COHEMPO volverá apostar polos artigos promocionais vinculados ao sentimento de pertenza ás Pontes.

Así, por compras superiores a 30 euros, a clientela poderá conseguir artigos da colección #orgullopontés, que este ano amplía a súa oferta con chapas e imáns, ademais das bolsas de tea que tanto éxito tiveron na edición anterior.

Trátase dunha iniciativa coa que COHEMPO pretende reforzar o orgullo de pertenza á localidade e poñer en valor a importancia de apoiar o comercio de proximidade. Os artigos estarán dispoñibles ata esgotar existencias.

Un total de 18 establecementos participan na campaña

Nesta nova edición de «Comercio na Rúa» participarán 18 establecementos comerciais das Pontes, pertencentes principalmente aos sectores da moda, o calzado, os complementos e a óptica.

Os comercios participantes son:

  • La Estrella
  • Ático30
  • Óptica Baamonde
  • Anduriña’s
  • Ropa’s Moda
  • Texas Moda
  • Cul Moda
  • Vilaboy Moda
  • Calzados Pajón
  • Urbo Moda
  • Calzados Saavedra
  • Niza
  • VL
  • Zokos
  • Calzados Criado
  • Entrecosturas
  • La Cottonería
  • Novalux

Desde COHEMPO anímase a toda a cidadanía a aproveitar estes días para realizar as súas compras, descubrir as oportunidades que ofrecen os establecementos locais e participar nas distintas actividades e sorteos organizados.

A campaña «Comercio na Rúa» forma parte das iniciativas de dinamización comercial impulsadas por COHEMPO para fortalecer o tecido empresarial das Pontes, dar visibilidade aos seus establecementos e lembrar a importancia do comercio local como motor económico e social da localidade.

A iniciativa conta coa colaboración do Concello das Pontes, a Xunta de Galicia e Comercio Galego.