ACTIVA AS PONTES
COHEMPO pon en marcha «Activa As Pontes» para incentivar as compras no comercio local e reforzar os Bonos Activa Comercio da Xunta de Galicia
A asociación sorteará tres vales de compra de 50 euros entre as persoas que rexistren os seus tíckets na aplicación móbil de COHEMPO durante os días 27, 28 e 29 de maio.
A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO) poñerá en marcha, durante os días 27, 28 e 29 de maio de 2026, a campaña «Activa As Pontes», unha iniciativa de dinamización comercial que se desenvolverá coincidindo coa campaña institucional «Bonos Activa Comercio» da Xunta de Galicia.
Con esta acción, COHEMPO busca reforzar o impacto dos bonos autonómicos no comercio local, incentivar a súa descarga e utilización e animar á cidadanía a realizar as súas compras nos 35 establecementos comerciais das Pontes adheridos á campaña.
Para iso, a asociación organizará un sorteo de tres vales de compra de 50 euros cada un, por un importe total de 150 euros, entre as persoas que rexistren os seus tíckets de compra a través da aplicación móbil de COHEMPO durante os tres días de duración da iniciativa.
Deste xeito, as persoas consumidoras poderán beneficiarse dos descontos ofrecidos polos Bonos Activa Comercio da Xunta de Galicia e, ao mesmo tempo, terán a oportunidade de conseguir un premio adicional para continuar realizando compras nos establecementos comerciais participantes.
A campaña pretende tamén fomentar o uso da aplicación móbil de COHEMPO como ferramenta de participación nas diferentes iniciativas promocionais organizadas pola asociación, contribuíndo á fidelización da clientela e ao fortalecemento do vínculo entre os consumidores e o comercio de proximidade.
Ademais, COHEMPO desenvolverá un labor activo de promoción e difusión dos Bonos Activa Comercio, tanto a través das súas redes sociais e canles habituais de comunicación como mediante accións informativas a pé de rúa. Para iso, distribuiranse folletos informativos nos establecementos comerciais, locais de hostalaría e entre os viandantes, co obxectivo de dar a coñecer as vantaxes dos bonos e facilitar a súa utilización.
Así mesmo, desde a asociación ofrecerase información e asesoramento á cidadanía sobre o procedemento de descarga e uso dos bonos, resolvendo posibles dúbidas e facilitando información sobre os establecementos adheridos.
Un dos principais obxectivos de «Activa As Pontes» é conseguir que o incentivo económico repercuta directamente na actividade comercial da vila. Neste sentido, os tres vales sorteados deberán utilizarse novamente nos establecementos participantes, favorecendo que os premios se traduzan en novas compras no comercio local.
Con esta iniciativa, COHEMPO reafirma o seu compromiso coa dinamización comercial das Pontes, sumando novos incentivos ás campañas institucionais e promovendo que a cidadanía aposte polo comercio de proximidade como motor da economía local.
Colaboran: Xunta de Galicia, Comercio Galego e Concello de As Pontes




